Wednesday 24 de April de 2024

A Deputación licitará en breve a mellora da seguridade na estrada do campo de fútbol de Moeche


 

A Deputación da Coruña xa ten listo o expediente para sacar a contratación as obras de mellora da seguridade na estrada DP-4901 que cruza San Ramón ata conectar co eixo Balocos-As Somozas. Foi en 2017 cando o Concello lle trasladou ao ente provincial o proxecto e unha solicitude formal de cesión deste tramo, condicionada a que antes se acometese a reparación do firme e a dotación con beiravías de todo o seu trazado. O ente provincial aceptou a proposta de investimento a finais de 2018 que, porén, debeu agardar varios meses a obter a preceptiva autorización de Patrimonio debido á proximidade dos restos castrexos da Casabranca e tamén a recalcular, en base ao que dixese a Xunta, o expediente de expropiación dos predios afectados. Agora, unha vez superados este trámites e tras aprobarse o investimento no pleno provincial desta semana, o proxecto ten vía libre e a Deputación da Coruña agarda licitalo nos próximos días, cun importe lixeiramente superior aos 259.000 euros.

Os traballos arrancarán xusto onde rematan as beirarrúas de San Ramón, a escasos metros do establecemento de Pensos Pazo e desde alí proseguirán ata o “stop” da outra vía provincial, a DP 4904, que une Balocos coas Somozas. O proxecto deseñado polo Concello de Moeche marca a substitución do firme en todo o tramo por outro novo de aglomerado, co que se asegura unha mellor adherencia e a eliminación de irregularidades dunha das vías con máis tránsito do municipio. De feito, para incrementar a seguridade tamén se incorporou a necesidade de dimensionar o largo, que pasará dos 4,2 aos 6 metros.

Por outra banda, dentro do plan técnico municipal asumido como propio pola Deputación tamén se incorporou unha senda que prolongue a marxe esquerda das beirarrúas existentes, facéndoa chegar ao remate da pista. Neste caso óptase polo cemento tintado que, ademais, levará soterradas as tubaxes de pluviais e os correspondentes rexistros para evacuar a auga da estrada. Tamén se contempla a renovación da sinalización horizontal e vertical, así como a instalación das canalizacións para a iluminación pública que o Concello proxecta ampliar en toda esa zona. Como paso previo ao inicio dos traballos será preciso retirar tamén os tendidos telefónicos e eléctricos existentes.

O proxecto cifrouse nun principio en 265.558,77 euros, cun orzamento para expropiacións doutros 12.415,20€. Estas contías víronse modificadas debido ás adaptacións que cumpriu facer no proxecto para acomodar as esixencias da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, posto que unha parte do trazado está afectado polos restos do castro da Casabranca, así como a actualización dos cálculos das expropiacións. O orzamento definitivo quedou, polo tanto, en 259.141,13 euros para a obra en si mesma e 12.415,20€ a maiores para resarcir aos propietarios afectados polo ancheado e a construción das beiravías.

A Deputación deu conta do proxecto e os importes actualizados nunha Comisión informativa celebrada o pasado 14 de febreiro e onte mesmo o pleno provincial ratificou o investimento, tal e como lle adiantara ao Concello o vicepresidente provincial, Xosé Regueira, na súa recente visita a Moeche con motivo da xuntanza do órgano xestor do proxecto do xeoparque do Cabo Ortegal. Beatriz Bascoy -quen visitou con Regueira o lugar onde se desenvolverán as obras- destacou como “unha boa nova” que o proxecto poida entrar xa na fase de licitación. “Este proxecto envióuselle á Deputación en 2017 e o compromiso de incluilo no Plan de vías provinciais a finais de 2018. En 2019 foi necesario revisar as expropiacións e agardar polo informe de Patrimonio para ver que incidencia tería sobre o deseño inicial. Agora parece que todo está encamiñado e que dentro de pouco se licitarán unhas obras que a veciñanza leva tempo demandando”.

Sobre a titulariedade do eixo viario, Bascoy defende que a DP-4901 “pase a mans do Concello así que estea amañada” posto que “non ten sentido que un dos eixos que cruza San Ramón siga sendo de titulariedade provincial”. A rexedora local aposta pola cesión “como maneira de axilizar as cousas para o Concello e tamén para os veciños e veciñas da zona, que non terían que agardar as autorizacións da Deputación cada vez que quixesen facer algunha obra, senón que poderían tramitalas directamente no Concello”.